martes, 22 de diciembre de 2009

onte soñei que nevabas. erguinme igual que hai dous días e mirei a través da fiestra, pero desta vez baixei ó xardín a sentir as folerpas de neve caer enriba miña. soaba epilepsy is dancing e daba voltas cos brazos abertos cando de súpeto comezaches a nevar ti.

primeiro percibín un olor que axiña identifiquei co arrecendo da túa pel (¿quen son eu para esquecer algo así?), logo ouvín ó lonxe á túa voz, aínda feble. as folerpas caían e caían e á túa presenza facíase cada vez máis tanxible. pechei os ollos e puiden sentir as túas mans nos meus ombros, a túa voz moito máis preto e, por último, sentín os teus beizos nos meus. entón abrín os ollos e diante miña estabas ti, espida. eu atopábame espido tamén.

ignoramos o frío e bailamos e dimos voltas, xuntos, e abrazámonos e sentímonos e bicámonos mentres a neve seguía a caer nos nosos corpos nús. logo quedaches queda, e mirándome fixamente dixeches: “sempre cumpro o que prometo, aínda que para iso teña que invocar a zeus e apolo e convertirme en neve”. eu só puiden sorrir e chorar ó mesmo tempo e continuamos bailando. nevaba e bailabamos. bailabamos e nevaba. ó final nevou tanto que ata o home das neves baixou do seu refuxio do himalaia e viño bailar connosco.

No hay comentarios: